Saturday 27 de April de 2024

Os Consellos Territoriais de Participación Cidadá continúan hoxe en Xuvia e o xoves en Sedes


O local social de Xuvia acollerá esta tarde, ás 18.00 horas, un novo Consello Territorial organizado dende a Escola de Participación Cidadá de Narón. A edil responsable da área, Catalina García, recordou que a maiores, este xoves celebrarase outro no local social de Sedes, tamén ás 18.00 horas.

O cronograma deseñado para manter estes encontros coas veciñas e veciños da zona urbana e rural continuará este mes con novas citas: a vindeira semana en San Mateo, o día 19 na Escola da parroquia ás 18.00 horas e, a continuación, o día 24 en San Xiao, o 25 no Alto e o 31 na Gándara, nos tres casos tamén ás 18.00 horas e nos seus respectivos locais sociais. Así mesmo, en xuño desenvolveranse os programados en Santa Icía-A Solaina, o día 2 no local social de Virxe do Mar ás 18.00 horas, e o 7 en Castro, ás 19.30 horas no local social “O Paraxe”.

A edil de Participación Cidadá preside os Consellos Territoriais, aos que tamén acuden outros representantes dos grupos políticos da corporación local e persoal técnico da Escola de Participación de Narón. Nas sesións abórdanse, entre outros temas, as actividades programadas polas entidades para este ano e posibles vías de dinamización da participación cidadá.

As persoas que desexen asistir deben confirmar previamente a súa asistencia enviando un correo electrónico á dirección: escolaparticipacion@naron.es ou chamando ao número de teléfono 603 865 413. As datas e horarios de cada unha destas convocatorias poden consultarse na web do Concello de Narón e nas redes da Escola de Participación.